O responsable do departamento que xestiona os recursos educativos amosou receptividade e comprometeuse a abordar algunhas das deficiencias que a comunidade escolar considera apremantes: os fallos da calefacción ou a carencia de vestiarios e duchas no pavillón.
Manuel Andrade e Xosé Manuel Iglesias, en representación da ANPA, expuxeron na xuntanza que mantiveron con Indalecio Cabana as eivas fundamentais detectadas, que condicionan o normal desenvolvemento da actividade académica e inciden negativamente no benestar dos membros da comunidade educativa. Consecuentemente, reclamaron que o IES de Lamas de Abade posúa unhas infraestruturas axeitadas.
Fíxose fincapé na demanda dunha calefacción eficente que evite pasar frío, máis alá das avarías na caldeira, posto que o sistema de calefacción do centro está condicionado por unha infraestrutura obsoleta, especialmente da carpintería de aluminio e vidros. No que respecta á actividade deportiva, precísase dotar o pavillón de espazos e instalacións que garantan unhas mínimas condicións hixiénico-sanitarias. O alumnado non pode nin cambiarse de roupa ou debe realizalo no rocho do profesorado de educación física. Outra urxencia é a procura de solución para a aula de tecnoloxía, que sofre frecuentes inundacións por mor do estado da cuberta e está en condicións moi deficientes.
A xefatura territorial prometeu enviar o antes posible persoal da súa Unidade Técnica para valorar e dimensionar as actuacións necesarias que permitan poñerlle solución a estes problemas. En setembro do vindeiro curso debería funcionar como é debido a calefacción en todo o centro e o alumnado dispoñer de vestiarios no pavillón de deportes. Non se acadou compromiso a respecto da reparación da aula de tecnoloxía.