Nun escrito remitido á Alcaldía en maio deste 2018, o conxunto da comunidade escolar e veciñal do contorno de Lamas solicitoulle ao Concello unha xuntanza para tratar os problemas de acceso e mobilidade con urxencia. Nesta altura, ningunha resposta institucional foi recibida.
Comunicábaselles ás autoridades municipais que o conxunto das comunidades escolares de Lamas de Abade consideran preciso abordar as necesidades de mobilidade e seguridade da zona.
Somos cinco centros, cun elevado número de usuarios, que constituímos unha especie de campus non universitario. Mais é un campus que, a pesar de implicar polas súas características un uso intensivo de vehículos privados, carece de accesos adecuados e dunha conexión interna suficiente, con zonas perigosas escasamente reguladas e con poucas prazas de aparcamento. Estas carencias, cada vez máis notorias, non foron atendidas de xeito integral ata o momento, a pesar das demandas realizadas ao longo dos últimos anos.
Entendemos que non se pode demorar máis un proxecto de mellora e a aplicación das medidas máis urxentes. Entre estas estarían:
1.- As limitacións de velocidade a través do sistema que se considere máis acaído.
2.- O remate da urbanización da rúa da Raiola.
3.- O reforzo das liñas de autobuses que acceden ao contorno xunto coa instalación de marquesiñas nos arredores de cada centro.
4.- A realización dun estudo de mobilidade da zona para chegar, o antes posíbel, a ampliar e conectar vías de xeito que os autobuses escolares e o elevado tránsito discorran con normalidade e poidan convivir cos demais usos e necesidades da zona, protexendo así os percorridos peonís.