Dereito do alumnado á folga


20 Dec
20Dec



Segundo a LOE 2/2006:

«Co fin de estimular o exercicio efectivo da participación dos alumnos nos centros educativos e facilitar o seu dereito de reunión, os centros educativos establecerán, ao elaborar as súas normas de organización e funcionamento, as condicións en que os seus alumnos poden exercer este dereito. Nos termos que establezan as administracións educativas, as decisións colectivas que adopten os alumnos, a partir do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, con respecto á asistencia á clase non terán a consideración de faltas de conduta nin serán obxecto de sanción, cando estas fosen resultado do exercicio do dereito de reunión e sexan comunicadas previamente á dirección do centro.»

Así pois:

1. A partir de 3º ESO si se recoñece o dereito á non asistencia, nas seguintes circunstancias.

  • Ten que haber unha decisión colectiva no Centro: o alumnado debe reunirse (Xunta de delegadas/os) e acordar a non asistencia á clase. Non abonda coa convocatoria xeral dunha mobilización ou folga.
  • Esa decisión debe comunicárselle á dirección do Centro con, como mínimo, 24 horas de antelación.

Nese caso, as faltas de asistencia estarán xustificadas. Mais, o Centro non pode solicitar unha comunicación previa de asistencia ou inasistencia. Comunicaralle ás familias a ausencia, en cumprimento do deber de custodia, e estas non están obrigadas a xustificalas.

A posibilidade de poñer probas de avaliación, ou calquera outra actividade que requira a presenza obrigatoria na clase, ten que ser entendida, e denunciada, como unha coacción ao alumnado para impedirlles o exercicio dos seus dereitos lexítimos.

2. En 1º e 2º ESO non se recoñece o dereito a non asistir á clase e a decisión de secundar ou non unha convocatoria trasládaselles ás súas nais, pais, titoras ou titores, que terán que xustificar a ausencia.

En calquera caso, o alumnado menor de idade que suba ao transporte escolar e/ou entre no recinto do Centro terá as clases correspondentes, sen poder saír ata que remate o seu horario escolar.

Máis información na páxina da Confederación de Anpas Galegas.

Comentarios
* O correo electrónico non será publicado na web.
This site was built using